A APDR recorrerá a concesión de Autorización Ambiental Integrada a Ence e o 14 de xuño protestará contra Celulosas

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 9 mayo 2008 21:32

PONTEVEDRA 9 May. (EUROPA PRESS) -

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra presentará a próxima semana un recurso contra a decisión da Consellería de Medio Ambiente de conceder Autorización Ambiental Integrada (AAI) ás empresas Ence e Elnosa. O colectivo ecoloxista celebrará ademais unha nova Marcha contra Celulosas, que partirá das alamedas de Pontevedra e Marín o próximo 14 de xuño ás 20.30 horas.

O recurso anunciado, que en primeira instancia será de alzada pero que podería adquirir rango de contencioso administrativo, reclamará a anulación da AAI, argumentando que existen precedentes noutros puntos do resto de España.

O presidente da APDR, Antón Masa, replicou ao conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, ao PP e ao sindicato CC.OO. nos seus argumentos a favor da concesión da AAI, asegurando que os incumprimentos por parte de Ence "son moitos".

Neste sentido, o vicepresidente do colectivo ecoloxista, Benito Andrade, criticou que a lei que regula a concesión desta autorización ambiental queda "baleira de contido" e que a fase de exposición pública e presentación de alegacións é unha "paripé".

Andrade cualificou de "decisión política" a medida anunciada pola Xunta e afirmou que "estaba tomada antes" de que se completase o procedemento, polo que tamén denunciou a existencia de "irregularidades" neste. Así, se referiu ao tempo que durou a tramitación, que alcanzou os dous anos, por enriba dos dez meses establecidos para resolver a concesión ou denegación da AAI dende a data da súa solicitude por parte da factoría.

SUBMISIÓN.

Por iso, o vicepresidente da APDR censurou a "clara submisión" da Consellería de Medio Ambiente "aos intereses da empresa e comparou a actitude do actual Goberno galego coa do anterior Executivo do PP na Xunta. Tamén se referiu á redución a tres anos da AAI que se concederá a Ence e Elnosa como unha acción "electoral, para xustificar o compromiso dado aos cidadáns e o acordo de Gobierno.

Antón Masa e Benito Andrade coincidiron en sinalar que esta decisión contribúe a "consolidar" o complexo industrial Ence-Elnosa na ría de Pontevedra e a manter a situación de "degradación" da ría. Benito Andrade calcula que cada día se verquen 40.000 metros cúbicos de auga contaminada e advertiu sobre os efectos dos 50.000 quilos de mercurio existentes nas cubetas de electrólise da factoría química, así como os seus depósitos de cloro.

Ademais do "incumprimento dos prazos", tamén esgrimiu como "razóns moi claras" para a denegación da AAI -e que a APDR recolleu nas alegacións presentadas"- o incumprimento do Regulamento de Actividades Molestas Insalubres e Perigosas, e a Lei de Verteduras de Augas Residuais Urbanas, os parámetros da cal "non se cumpren", segundo a asociación, que asegura ter "datos e medicións".

Contenido patrocinado