SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 May. (EUROPA PRESS) -
O Concello de Santiago de Compostela acordou hoxe, nun pleno extraordinario, remitir á Consellería de Política Territorial da Xunta de Galicia o documento referido á parte do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que estaba pendente de aprobación definitiva.
Unha vez entregado, Política Territorial dispón dun prazo legal de tres meses para a aprobación total definitiva de todo o plan urbanístico, segundo recordou hoxe o alcalde compostelano, Xosé Sánchez Bugallo, quen se mostrou convencido de é "un gran PXOM, o que Santiago necesita e o mellor de Galicia".
Segundo indicou a concelleiro de Urbanismo, Mercedes Rosón (PSdeG), o documento "non altera" o modelo de crecemento nin de cidade e tampouco a "excelencia urbanística" defendida polo Concello de Santiago. No entanto, achégase xustificación documentada das cuestións que se manteñen malia a recomendación da consellería e se fan "algunhas modificacións" e "axustes de alcance técnico".
O documento aprobado hoxe cos votos dos edís socialistas e nacionalistas, coa abstención do PP, responde aos requirimentos feitos o 3 de outubro de 2007 por Política Territorial. Entón este departamento decidiu a aprobación "parcial" do PXOM e pediu ao concello que "corrixise as deficiencias detectadas, xustifique as determinacións e introduza as modificacións necesarias" --en chans urbanos delimitados e non delimitados, algunhas infraestruturas e no ámbito rural, fundamentalmente--.
Non obstante, segundo expuxo hoxe Mercedes Rosón, as modificacións reducen de forma "irrelevante" o número de vivendas, apenas 883 vivendas --un 2,5% do previsto inicialmente-- e o novo documento reforza a "credibilidade e solvencia" do PXOM promovido dende o principio polo Concello de Santiago.
Polo BNG, a edil e voceiro deste grupo, Socorro García, confirmou o apoio ao documento por entender que responde as peticións de Política Territorial "sen cambiar o modelo de crecemento nin a súa capacidade" e faino dende a "defensa dunha aplicación racional da lexislación que supere a visión curta dunha realidade complexa".
TRAMITACIÓN "INEFICIENTE"
Pola súa banda, o concelleiro do PP Ricardo García-Borregón avanzou a abstención do seu grupo porque o documento sometido hoxe a pleno é "en esencia técnico" e considerar "conveniente" que Santiago conte cun PXOM aprobado na súa totalidade. Ademais, opinou que esta decisión é "coherente e consecuente" co posicionamento político do PP, que non comparte o modelo urbanístico do actual Goberno local.
As principais críticas do grupo da oposición centráronse en denunciar "unha tramitación ineficaz" e "moi lenta e moi desafortunada" do plan urbanístico, ademais de poñer de manifesto "as repercusións graves" que tivo esta situación en moitos cidadáns.
Primeiro a edil de Urbanismo e despois o alcalde replicaron a García-Borregón que Santiago de Compostela é "a única cidade galega" que ten un PXOM, aprobado parcialmente pero "en vigor", que cumpre con toda a lexislación en materia de chan.
PRAZO DE TRES MESES
Xosé Sánchez Bugallo, que admitiu que "todos rematamos fartos e aburridos" dunha tramitación iniciada en xaneiro de 2002 e que superou as trabas de distintas normas legais, dixo que espera que Política Territorial "resolva" no prazo legal de tres meses.
En relación ao Plan Especial da Estación de Ferrocarril, Rosón resaltou que se facilita a chegada do AVE e modificacións para novos usos posteriores, xa que aínda non foi posible un acordo que o permita co obxectivo de financiar a nova estación.
Este punto, que foi obxecto de recriminación do PP porque se fixeron numerosos anuncios e se mantén como está, foi obxecto de comentario do alcalde, quen xustificou que pola falta dun convenio entre Goberno central, Xunta e Concello de Santiago se manteña a edificabilidade cero e a súa clasificación de sistema xeral de infraestruturas ferroviarias.
Por outra parte, o alcalde rechazou a petición do PP de que se someta a exposición pública este novo documento referido ao plan urbanístico, xa que "non hai alteración substancial" respecto ao PXOM.