SANTIAGO DE COMPOSTELA 20 Ene. (EUROPA PRESS) -
Un grupo de sete televisións locais galegas estrean o próximo xoves o programa de debate 'Punto Crítico Galicia', nesta ocasión centrado nunha análise da sanidade pública galega e en asuntos como o catálogo de fármacos, a evolución das listas de espera ou o novo modelo de financiamento das infraestruturas sanitarias.
O programa, que se estreará o xoves ás 22.00 horas, reproduce o formato que dende hai seis anos desenvolve a televisión ourensana Telemiño, pero agora búscase unha dimensión autonómica, tanto pola selección dos temas a debate coma pola súa emisión, que amplía o espectro de poboación á que chegará.
Así o espazo, dirixido por Santiago Rodríguez, terá o seu estudo de gravación no compostelano Hostal dos Reis Católicos e emitirase en directo para Telemiño (Ourense), Santiago TV (Santiago de Compostela), Dez.tv (Lalín) e Televinte (Chantada). Non obstante, tamén o emitirán, aínda que en diferido, Canle Rías Baixas (O Salnés), o xoves ás 23.00 horas; A Sete (Monforte de Lemos), o venres ás 22.30, e Localia A Coruña, tamén o venres ás 22.00 horas.
'Punto Crítico Galicia' emitirase todos os xoves, á mesma hora e sempre en directo, con seis convidados no estudo de gravación, achegas de expertos nos asuntos abordados e chamadas dos telespectadores.
Na súa estrea, os convidados que, durante hora e media analizarán e confrontarán opinións, nesta ocasión sobre a sanidade pública galega, son o voceiro de Sanidade do PP no Parlamento galego, Miguel Santalices; o delegado autonómico da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos, Cándido Andión; e Anxo Facio Villanueva, da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas.
En fronte sentarán o voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia, Abel Losada; o voceiro Plataforma Galega SOS Sanidade Pública, Manuel Martín; e o director de Xornal de Galicia, Jose Luis Gómez.