VIGO, 30 Ene. (EUROPA PRESS) -
A coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada no Congreso por En Marea, Yolanda Díaz, reclamou este luns aos seus compañeiros desta formación en Galicia "deixar a un ladiño" as súas "preocupacións internas" e os debates sobre regulamentos ou portavocías, para centrarse nas "cuestións relevantes" e "falar dos problemas da xente".
En declaracións aos medios antes de manter unha reunión en Vigo con responsables do clúster do naval de Galicia, Yolanda Díaz, pediu a En Marea, "con todo cariño", que dea "unha viraxe" para "poñer máis no seu centro de actuación a vida da xente e menos as cuestións internas das diferentes plataformas orgánicas".
Segundo Díaz, "é pouco relevante estar a falar de regulamentos ou de portavocías, cando hai no país miles de seres humanos aos que lles seguen cortando a luz, que pasan fame, ou que están en desemprego sen protección social".
Por iso, instou a En Marea, a "falar das cuestións relevantes e deixar a un ladito quen é o que disputa a portavocía", xa que eses debates internos "non interesan moito á xente", e deben deixarse "para outros momentos".
Ademais, a ese respecto, a deputada sinalou que "son voceiros os que traballan moito" e que "non fai falta ocupar cargos para facer as cousas". Nesa liña, recordou que En Marea ten unha "altísima responsabilidade" como segunda forza política en Galicia, que ademais está no Congreso e en gobernos importantes.