Afirma que "cando ao 90% das entidades financeiras lles foi mal é porque non se fixeron ben as cousas"
MADRID/SANTIAGO, 21 May. (EUROPA PRESS) -
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, manifestou este luns que lle parece ben a blindaxe da independencia do gobernador do Banco de España, pero cre que esta independencia, que "é un activo da democracia española", non debería supoñer que se blinde a súa xestión, polo que habería que meditar sobre como solucionar este "defecto".
Nun almorzo informativo organizado por Europa Press, Feijóo considerou que as fusións de caixas de aforros que se levaron a cabo en España nos últimos anos "estaban mal feitas e iso ten que ter unha responsabilidade". "Non soamente fallou a xestión, fallou de forma clamorosa a supervisión" durante varios anos, valorou, tras cualificar de "disparate" o que aconteceu co sistema financeiro español.
"Cando ao 90 por cento das entidades financeiras lles foi mal é porque non se fixeron ben as cousas", dixo, ao tempo que afirmou que "se unha fusión está ben feita ou mal feita só o pode saber o Gobernador do Banco de España".
Na súa opinión, os xestores destas entidades e o actual supervisor, Miguel Ángel Fernández Ordoñez, deben dar unha explicación aos españois, porque "entre os xestores e o supervisor anda o xogo". Igualmente, manifestou que lle parece ben que se investigue a xestión das antigas caixas, tal e como pediu o fiscal xeral do Estado, Eduardo Torres Dulce.
Preguntado ao respecto, Feijóo dixo que non lle consta que a saída de Bankia de Rodrigo Rato provocara "malestar" no PP, onde "sempre" se valorou a súa "capacidade como xestor e como político". "Parécenos que é un activo, sen ningunha dúbida, dende o punto de vista da xestión política, sobre a xestión dunha fusión de sete caixas de aforro feita con discutible acerto, é moi complicado", apuntou.
No mesmo sentido, sostivo que "probablemente non todos os equipos que tomaron posesión agora de fusións nas que non participaron sexan responsables de non ser capaces de solucionar todos os problemas que se atoparon".
"OPTAR POLA MELLOR SOLUCIÓN"
En calquera caso, defendeu que o que fixo o Goberno de Mariano Rajoy "é o que fai un goberno que defende os intereses xerais: optar pola mellor solución con independencia das persoas que se poden ver afectadas". Así, o acontecido en Bankia é "un síntoma de garantía dun goberno que defende os interese xenerais e non os intereses do seu partido", segundo Feijóo.
No que respecta ao futuro de Novagalicia Banco, o presidente da Xunta sinalou que esa entidade "aguantou moitas tempestades", que provocaron que de 17 comunidades autónomas en 14 xa non haxa entidades de referencia provenientes de caixas, subliñou. "Agora imos ver se aguanta a tormenta de Bankia, que é unha tormenta potente", continuou, ao tempo que explicou que a situación de Bankia levou o Goberno a "facer unha aposta polo incremento das provisións e por un incremento da confianza do sistema financeiro español no mundo".
"Veremos se aguanta ou non aguanta as esixencias da ampliación de capital", agregou, para o que Novagalicia Banco se comprometeu a buscar investidores para non só ampliar a súa capital con fondos públicos senón tamén complementar esa ampliación con investidores. "Sería moi bo para España que haxa investidores que queiran inverter nun banco español e sería moi bo para Galicia, porque levaría consigo a posibilidade de que Novagalicia Banco manteña a súa sede e o seu domicilio social na comunidade autónoma," apostilou.
En canto á reforma financiase, asegurou que "é unha reforma non para os bancos senón para os clientes, non para os bancos senón para as familias e as pequena e medianas empresas", así como que "é unha reforma comprometida pero necesaria".
Feijóo fixo estas consideracións en presenza de membros do Goberno, como o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, e a ministra de Emprego, Fátima Bánez, así como a secretaria de Estado de Presupostos e exconselleira de Facenda de la Xunta, Marta Fernández Currás, entre outros responsables do PP, como o vicesecretario de Organización do partido, Carlos Floriano.