SANTIAGO DE COMPOSTELA 20 May. (EUROPA PRESS) -
O Bloque Nacionalista Galego censurou que o Partido Popular se valerá esta semana da súa maioría absoluta no Congreso dos Deputados para "tombar" emendas aos Presupostos Xerais do Estado (PGE) nas que realiza propostas para "mellorar" a situación económica de Galicia, os ingresos estatais e a situación da cidadanía.
Deste modo, segundo prevén os nacionalistas galegos, o PP rexeitará no debate do Pleno no Congreso, que comeza o luns 21 de maio e durará ata o mércores 22 de maio, as emendas do BNG aos presupostos.
Entre as medidas máis destacadas, atópanse as emendas nas que se pide 125 millóns para a construción dun dique flotante en Navantia cos que salvar o futuro dos estaleiros públicos, 120 millóns para o plan lácteo ou 50 millóns para o desenvolvemento industrial.
Ademais, o voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, reclama 10 millóns de euros para o tramo do Eixe Atlántico Ferrol-A Coruña e outros 10 millóns do tramo Vigo-fronteira portuguesa.
Xunto a isto, formula a necesidade de 15 millóns para o desenvolvemento das bisbarras mineiras, oito millóns para a I+D+i, así como 10 millóns de euros tanto para un programa de desenvolvemento rural coma para un plan de acción no sector pesqueiro.
MEDIDAS SOCIAIS E EDUCATIVAS
No tocante a medidas sociais e educativas, o BNG pide manter os prazos de entrada en vigor da lei de dependencia, coa demanda de 100 millóns para a atención a dependentes galegos.
Ademais, reclama 25 millóns para completar o programa Erasmus, 95 millóns de euros para bolsas e axudas ao estudio, 71 millóns para reforzar a gratuidad dos libros de texto ou 40 millóns para programas de servizos sociais.
Así mesmo, faise unha solicitude de 620.000 euros máis para a Real Academia Galega, para manter o nivel presupostario á partida de 2011.
PROPOSTAS EN MATERIA FISCAL
En materia fiscal o BNG realiza unha serie de propostas encamiñadas a conseguir un sistema impositivo máis xusto e progresivo, como a proposta para aumentar a porcentaxe de tributación das Sicav e "evitar os abusos das sociedades de investimento de capital variable porque é inxusto que tributen ao 1 por cento dos beneficios".
Ademais os nacionalistas galegos propoñen un imposto sobre as grandes fortunas e piden 15 millóns de euros para un programa de acción contra a fraude e evasión fiscal.
RECORTES NA CASA REAL E IGREXA
Por outra banda, Jorquera reclama un recorte do 20 por cento na asignación tributaria á Igrexa Católica no IRPF co fin de que "participe no esforzo colectivo para superar a crise".
Ademais, demanda unha redución do 17 por cento do presuposto destinado á Casa Real, mesma porcentaxe que o recorte medio en ministerios e que equivale a 1.264.000 euros.