Un catedrático da Universidade de Vigo recibe o Premio de Investigación Humboldt en recoñecemento á súa carreira

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 28 mayo 2010 22:06

VIGO 28 May. (EUROPA PRESS) -

O catedrático do departamento de Química Física da Universidade de Vigo e director do Grupo de Química Coloidal, Luis Liz-Marzán, acaba de recibir o prestixioso Premio de Investigación Humboldt --de Alemaña-- en recoñecemento á súa carreira científica, dedicada á síntese, caracterización e aplicacións de nanopartículas.

O galardón ten unha dotación económica de 60.000 euros e concédese investigadores autores de estudios que supuxeran un impacto significativo na súa disciplina, e dos que espera que sirvan para futuros logros. Por iso, Liz-Marzán, quen dirixe o Grupo de Química Coloidal dende 1996, manifestou a "grandísima satisfacción persoal" que lle supón este premio, o cal tamén considerou un "novo estímulo para seguir adiante".

O recoñecemento premia a cantidade e repercusión dos traballos deste científico, realizados antes e despois da súa incorporación á institución académica viguesa e dos que a parte máis importante é a realizada polo grupo que dirixe na universidade da cidade olívica.

A importancia deste galardón, concedido pola Fundación Alexander Von Humboldt, un prestixioso organismo que promove a cooperación académica entre científicos alemáns e estranxeiros; non só radica na súa achega económica, senón que --con esta contía-- as persoas que o reciben son invitadas a pasar un período de ata un ano cooperando nun proxecto de investigación con especialistas nunha institución de investigación do país xermánico.

No caso do catedrático da Universidade de Vigo, prevé realizar unha estadía de tres meses en Hamburgo e completar o resto o Golm. Durante ese tempo, traballará en proxectos relacionados coa síntese, caracterización e aplicacións de nanopartículas. Así, espera que mediante a cooperación de ambas as dúas partes se poidan lograr resultados que serían imposibles de alcanzar individualmente.

Contenido patrocinado