A conselleira de Facenda afirma que "todas as CCAA están comprometidas" co cumprimento do obxectivo de déficit

Muñoz estima que "en breve" comezarán os trámites para o presuposto de 2013 unha vez que as comunidades e Goberno fixen o obxectivo de estabilidade do próximo ano

CONSELLEIRA DE FACENDA, no CPFF
XUNTA
Europa Press Galicia
Actualizado: domingo, 20 mayo 2012 19:13

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 May. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, afirmou que "todas as comunidades autónomas están comprometidas" co cumprimento do obxectivo de déficit para o ano 2012, do 1,5 por cento. Ademais, recordou que Galicia tomou nos últimos anos "as medidas necesarias de contención do gasto".

Así o manifestou a titular de Facenda nunha entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press, na que subliñou que tras o Consello de Política Fiscal e Financeira do pasado xoves "se trata de, neste momento, facer unha aposta dende cero". Sobre a situación da Comunidade galega insistiu en que "Galicia leva moitos anos facendo un gran traballo".

Preguntada pola reacción dos mercado, Muñoz comentou que estes "reaccionan dun modo que é imprevisible para todos" e insistiu en que a reunión do xoves do Executivo central e as comunidades "foi moi importante para dar confianza, polo cumprimento dos obxectivos". "España está a facer un exercicio de transparencia cara ao exterior e, nese sentido, este Goberno está a dar esa idea de transparencia e realidade das contas", aseverou, para resaltar "a vontade" de "transmitir confianza" para todos.

Neste sentido, sobre o plan de reequilibrio de Galicia aprobado polo Goberno, a conselleira de Facenda aclarou que a redución de 69 millóns de euros correspondente a unha décima do PIB que ten que facer a Comunidade galega "non quere dicir que ten que haber medidas por 69 millóns".

Deste modo, fixo fincapé en que Galicia "grazas a que leva un bo camiño" tras as iniciativas adoptadas nos últimos anos "só quedan uns axustes menores" porque no plan de reequilibrio xa incluíronse "todas as medidas que se foron tomando", entre as que se contempla o aforro coa lei medidas do emprego público, o plan de optimización de gastos de persoal e o plan de racionalización do sector público, entre outras.

PERSPECTIVAS

Sobre as perspectivas para o segundo semestre, a conselleira comentou que espera que "continúe a situación actual", pero matizou que "as previsións non duran moito máis dun mes". Non obstante, recalcou que a "previsión de crecemento para Galicia se estima será mellor que o comportamento que teña o Estado". "Confiamos que a evolución da economía galega sexa mellor que a do conxunto do Estado", abundou.

Preguntada pola posibilidade de novos axustes, Elena Muñoz recordou que Galicia ten "un camiño trazado" no plan de reequilibrio. "Agora tócanos cumprir e ir polo camiño marcado. Se aparece algunha cuestión que pode alterar esa senda entón haberá que reaccionar en consecuencia", dixo, "para confiar en que se poderá sacar o plan adiante sen máis sobresaltos".

Tamén eloxiou a conselleira o respaldo do Executivo de Mariano Rajoy ás comunidades en relación aos problemas de liquidez dalgunhas. "A diferencia de anos pasados, o Goberno está disposto a apoiar ás comunidades autónomas", valorou. "España é un país serio, comprometido cos seus obxectivos", agregou, para matizar que a Unión Europea debe "estar tranquila" porque España está "unida" e as CCAA "na mesma liña que o Goberno central, dando as máximas garantías de cumprimento".

Sobre o próximo presuposto para Galicia, comentou que "en breve" se iniciarán os "trámites". Ao respecto, explicou que primeiro teñen que fixar todas as comunidades no Consello de Política Fiscal e Financeira "o obxectivo de estabilidade para 2013". "O Goberno vai convocar na primeira quincena de xuño o consello no que informará da proposta", comentou, para engadir que baseándose no obxectivo que se estableza empezarán a "facer os cálculos". "Nese momento podemos planificar o ano 2013", sentenciou.

Pola súa banda, preguntada polo control do absentismo, informou de que a Xunta está a "analizar datos dos catro primeiros meses do ano" para ver como "afectou a lei de medidas" que entrou en vigor en marzo, e precisou que cando o estuden levará un informe cos resultados ao Consello.

NOVAGALICIA

Por outro lado, en relación á situación de Novagalicia Banco, a titular de Facenda ratificou que "como transmitiu a entidade" o plan que "presentou no seu momento a través da entrada de investidores privados" a día de hoxe "segue vixente" e "despois do novo Real Decreto" está "en condicións con este plan de garantir a viabilidade en solitario". "Polo tanto esperamos que así sexa e presenten as súas dotacións adicionais no prazo establecido polo RD e sexan aceptadas", apostilou.

Sobre os investidores privados do exterior, Muñoz considerou que se trata de algo "moi importante" o feito de que "investimentos estranxeiros apoien o sector financeiro español" porque ofrece "unha imaxe de confianza fronte ao exterior" e "contribuiría a reforzalo". Tamén resaltou que as relacións coa dirección do banco galego "son boas". "Estamos todos no mesmo barco, co mesmo obxectivo de garantir unha entidade financeira radicada en Galicia", concluíu, para engadir que "conta co apoio da Xunta".

Contenido patrocinado