SANTIAGO DE COMPOSTELA 20 May. (EUROPA PRESS) -
A Policía Autonómica da Xefatura Local de Vigo detivo un veciño da localidade pontevedresa de Salceda de Caselas como presunto autor dun incendio forestal orixinado por un escape de queima.
Segundo informa a Consellería de Presidencia, as lapas orixináronse no lugar de Alto da Foca, na parroquia e municipio de Salceda de Caselas, o pasado sábado 12 de maio e afectaron a unha superficie de 5.000 metros cadrados de monte arboredo.
O presunto autor do lume "non adoptou", segundo sinalan as mesmas fontes, as medidas de seguridade preceptivas na realización da queima, "feito que se viu agravado polas condicións climatolóxicas, propicias para facilitar a progresión descontrolada do incendio".
A rápida intervención dos medios de extinción da Xunta, segundo destacan as mesmas fontes, evitaron que o lume se propagase e ardese máis superficie. Ademais, a Xunta resalta que para esta detención, a Policía Autonómica contou coa colaboración dos membros da Brigada de Investigación de Incendios Forestais do Distrito XVII Vigo-Baixo Miño do Porriño.
Por estes feitos instruíronse dilixencias que foron remitidos ao Xulgado de Instrución Número 1 da localidade pontevedresa do Porriño. A Policía Autonómica xa detivo 81 persoas no que vai de ano por delitos relacionados con incendios forestais na Comunidade galega.