Investigan a existencia dun vertedoiro de residuos tóxicos en San Cibrao das Viñas (Ourense)

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 9 febrero 2012 13:54

SANTIAGO DE COMPOSTELA 9 Feb. (EUROPA PRESS) -

Persoal da Consellería de Medio Ambiente, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e da Garda Civil están investigado a existencia dun posible vertedoiro de residuos tóxicos no polígono ourensano de San Cibrao das Viñas.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes da Consellería de Medio Ambiente, persoal deste departamento desprazouse, tras ter coñecemento dos feitos, ata San Cibrao das Viñas, onde constataron a existencia "dun vertedoiro", que están a analizar para determinar o seu alcance.

Así mesmo, tamén persoal da Confederación Hidrográfica Miño-Sil recolleu mostras na zona para determinar se se viron afectadas as augas do contorno, algo que aínda se descoñece.

A asociación ecoloxista Amigos da Terra asegurou que no vertedoiro foron atopadas "toneladas" de residuos, entre os que se atopan deterxentes, plásticos e bidóns de pintura, localizados a finais do pasado mes de xaneiro nas proximidades dunha empresa química en San Cibrao das Viñas tras a denuncia dun particular.

Amigos da Terra denunciou a "proliferación" de verteduras ilegais na zona de San Cibrao das Viñas, que afectan na súa maior parte ao río Barbaña, no que cualificaron como "bombas tóxicas escondidas baixo o chan".

Por iso, aseguraron que denunciarán os feitos e reclamarán que se comprobe que a empresa nos terreos da cal foi localizado o vertedoiro "cumpre coa licenza de actividade e coas autorizacións perceptivas".

Contenido patrocinado