VIGO 13 May. (EUROPA PRESS) -
A presidenta do PP de Vigo, Corina Porro, criticou hoxe a actitude do alcalde, Abel Caballero, no proceso de fusión das caixas, por opoñerse a esta operación e congratularse agora de que se levara a cabo "con éxito". "Iso só ten un nome: esquizofrenia política ou burla aos cidadáns", concluíu a ex alcaldesa.
Nunha rolda de prensa celebrada na sede do partido, Corina Porro denunciou o "papel irresponsable" do rexedor vigués en todo o proceso, e recordou que encabezou unha manifestación en contra da fusión, e que mesmo realizou "profecías" de que non se levaría a cabo. "E agora resulta que a conseguiu el. Isto é un insulto á cidadanía, é chamarnos parvos", afirmou.
Segundo Porro, o alcalde da cidade "foi o grande obstáculo" para a fusión", e sinalou que Caballero "non defendía a Vigo nin a Caixanova, senón a sí mesmo" e Caballero subiu ao carro dun localismo que prexudicaba á cidade". Nese sentido, lamentou que o rexedor "xogou cos sentimentos da cidadanía, mentiu e calumniou", ademais de "cambiar de criterio segundo avanzaba a negociación".
Corina Porro transmitiu a súa felicitación ás caixas e á Xunta polo acordo alcanzado, que cualificou de "sumamente transcendente", e destacou "as grandes doses de xenerosidade e de ceder polo ben común" das partes implicadas. "A nova caixa nacería coxa se deixase a unha comunidade dividida en vencedores e vencidos", proclamou, ao tempo que defendeu a fusión paritaria, con "solvencia garantida".