Unha aplicación gratuíta para móbil guía peregrinos no Camiño francés e informa sobre lugares de interese

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 4 agosto 2010 15:18

SANTIAGO DE COMPOSTELA 4 Ago. (EUROPA PRESS) -

Os peregrinos que percorran o Camiño francés para chegar a Santiago de Compostela poderán descargarse unha aplicación para dispositivos móbiles, como o ipad ou o iphone, desenvolvida pola empresa galega Bluguía. O programa, 'O camiño en GPS', indica o percorrido e ofrece información de utilidade acerca das distancias que restan para chegar á próxima poboación, a pendente do terreo ou os lugares de interese.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, e o director-xerente do Xacobeo, Ignacio Santos, presentaron esta ferramenta, a primeira guía interactiva para peregrinos, que é gratuíta e se pode descargar na Apple Store. A aplicación, que abrangue todo o Camiño francés dende Saint-Jean-Pied-de-Port ata Compostela, inclúe máis de 1.000 vídeos e 100.000 fotografías.

Segundo explicou Capela, con este instrumento os peregrinos poden calcular a distancia ata a próxima poboación, ver as características do terreo e consultar actividades ou as características da paisaxe e o patrimonio. Ademais, a aplicación está dispoñible en galego, español e inglés.

O conselleiro, pola súa banda, subliñou que esta guía "pode converterse no mellor apoio para peregrinos" pero tamén pode funcionar como un reclamo para atraer máis camiñantes, que poden ver os vídeos e fotografías do percorrido con esta ferramenta.

Ademais, Guerra eloxiou a idea por combinar innovación cun "dos maiores símbolos" de Galicia e sinalou que Bluguía é un exemplo de que na comunidade hai "moitas empresas innovadoras capaces de xerar instrumentos interesantes".

Así, destacou que "sen innovación non hai futuro" e que esta debe ser a vía para saír da crise. "Agora é cando, Galicia é onde, pero tamén para a innovación", afirmou o conselleiro, parafraseando o lema da campaña do Xacobeo.

PROGRAMA DE AXUDA

O director xeral de I+D+i indicou que este proxecto de Bluguía --empresa de Vigo especializada en guías turísticas multimedia-- recibiu axudas do programa deseñado pola consellería para avalar o desenvolvemento de proxectos tecnoloxicamente innovadores en relación co Xacobeo 2010.

O programa, dotado cun millón de euros, convocouse por segunda vez. Deste modo, resaltou Guerra, a consellería destinará a proxectos de promoción do Xacobeo 2 millóns de euros.

Contenido patrocinado